por vigo_pesqueiro

A gaivota Carlota visitounos por segunda vez para finalizar as saídas Vigo Pesqueiras do mes de abril e viu acompañada dun grupo moi especial: por unha banda, avoíñ@s que viñan da asociación AFAGA (Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias) e por outra, @s máis cativ@s do CP San José da Guía que viñeron aprender sobre como se pescan eses peixes e mariscos , que nos aseguraron que tanto lle gustaban!

Non tardaron moito en descubrir que o porto pesqueiro de Vigo é un lugar de traballo frenético, onde podemos atoparnos oficios dos máis variados, e que non deixan de sorprendernos; Por exemplo, o que realizan os cetreiros, que nos amosaron o ben amestradas que teñen ás súas aguias. Unha delas chámase “Maléfica” imaxinades porqué? Pois porque non hai gaivota que se lle resista!! Que importante tarefa realizan estes mozos das aguias de Harris: a de permitir unha descarga tranquila.

Despois da visita aos cetreiros , dirixímonos aos pabellóns  do “Mercado”  e da “Lonxa” apreciando os inmensos edificios onde podemos adquirir dende as capturas máis próximas e que contan con distintivo de calidade a  “pesca de ría”, así como os grandes peixes.

Ao determos nos distintos tipos de barcos e técnicas de pesca coñecimos unha chea de vocabulario mariñeiro: a “eslora”, que é a lonxitude que ten o barco dende a súa “proa”,  a parte dianteira á “popa”, a súa parte traseira. Achegámonos ás distintas técnicas de pesca, o “cerco” e o “arrastre”,  e tamén situamos no mapa os caladoiros onde estas se usan  e  as especies obxeto . Para rematar o noso repaso polas técnicas pesqueiras tocoulle o turno á pesca de “palangre”: a súa liña de anzois recordounos ao mesmísimo Capitán Garfo de Peter Pan.

Despois de falar de especies tan grande como quellas ou marraxos houbo unha cativa que preguntou:

  • E imos ver rinocerontes?

Pois rinocerontes non íamos visitar, pero si especies máis locais no viveiro, que sería a nosa seguinte parada. Alí recibíronnos moi amablemente, como sempre. Primeiro nos amosaron o que denominamos a “parte aburrida”: cámaras de conxelado e fresco, onde todos sentimos un frío polar!!!

Despois botamos unha ollada á sala de elaboración onde se evisceran e empaquetan os envíos. Comezaba a parte divertida, atopamos un viveiro cun enorme lubrigante dun azul profundo. Por curiosidade pensamos canto podería pesar; e saímos de dúbidas, pois puxéronno na báscula e adiviñade, pesaba case 4 kilos!!

E chegou a visita a eses ricos mariscos, tocou a parte dos viveiros que se encargan de continuar o proceso de nutrición e crecemento desas ricas centolas ou  bois de mar con auga chegada directamente da ría.

As voces do grupo soaban ao unísono berrando: Langosta, Langosta! Pero cando lles amosaron a langosta, todos xunt@s pegaron rápidamente un chimpo cara atrás. Pois a langosta, como mecanismo de defensa daba bruscos coletazos.  Unha vez que viron que estaban a salvo voltaron xunto aos vivieros para seguir coñecendo a estas marabillosas especies do mar.

E así rematamos esta intensa visita, abrindo apetito pois xa estabamos chegando á hora do xantar!

Dende VigoPesqueiro queremos agradecer á confianza da asociación AFAGA e do Cole San José por vir pasear con nós polo porto pesqueiro máis famoso do mundo. Deica á próxima! 



Deja un comentario