Avatar
por vigo_pesqueiro

Rematamos  esta edición “Festival Arvi do Peixe” co corazón contento e a panza chea

Dende o Programa “Vigo Pesqueiro” que pon en marcha “Fundamar” (Fundación da Pesca e o Marisqueo) ofrecimos nestes catro días un sabroso menú degustación das actividades que temos ao longo de todo o ano

O xoves comezamos coa lonxa de mariscos, que de luns a xoves fai a poxa ás 15.30 da tarde á que nos asistimos para coñecer de perto o seu funcionamento.

De seguido, fomos coñecer algo máis sobre o porto do Berbés, cun “Percorre do porto actual ao porto de orixe”. Visitamos as actuais instalacións, O Mercado e  A Lonxa, a flota, as artes de pesca, a cooperativa de armadores,  e aí nos fomos cara as orixes; un porto pesqueiro documentado xa dende tempos medievais na Ribeira seca do Berbés, onde continuaríamos pola Rúa Real, visitando o que foran os dous mercados principais no Casco Vello, a Pescadería, coñecida por tod@s como Rúa das Ostras e que rivalizaba co mercado de peixe principal que se ubicaba na Praza da Pescadería. A continuación fomos buscando “mar e peixe” no Vigo Sea Fest onde rematamos o roteiro.

Ao día seguinte ás 6.45 horas xa estabamos o grupo dos “Vigo Pesqueiros” máis madrugadores, e fomos coñecer de perto unha das actividades máis pintorescas que ten lugar na cidade de Vigo: a subasta do peixe.

Dende principios deste ano, o primeiro pavillón está adicado á “segunda venta”: o “Mercado”, e a “Lonxa” adicada á primeira venta. O ritmo era frenético, e aínda que estaba case todo o peixe vendido puidemos admirar moitas especies e o “corro” a subastar o peixe sapo, unha das especies de maior valor no porto.

Para seguir abrindo apetito antes de ir tapear polo festival, a seguinte actividade levaríanos ata o Viveiro de Mariscos, onde nos amosaron á perfección o seu funcionamento;  como se conservan esas nutritivas especies nas cámaras de fresco e de conxelado;

como se elaboran e preparan os envíos … e o mellor de todo!! amosáronnos o “SPA”

desas sabrosas nécoras, lumbrigantes, lagostas, centolas, aprendendo unha chea de curiosidades sobre todas estas especies. Vangarda e tradición van da man neste viveiro de mariscos.

¿Sabedes que se pode incluso pedir mariscada á domicilio? Despois de toda a mañá de visita na lonxa e no viveiro de mariscos a seguinte parada fariámola no festival, a mellor selección das tapas do mar….

Dicimos que en Vigo pódese seguir de perto todo o proceso da pesca, polo que non podería faltar a visita a un estaleiro,  onde compartiron connosco valiosísimas informacións sobre a construción e a reparación naval e a súa evolución, da que a nosa cidade foi protagonista.

Está claro que o noso mar está cheo de vida, agochando especies nutritivas e sabrosas ben valoradas no mundo enteiro; pero conta tamén cun valiosísimo patrimonio industrial porque eiquí a industria chegounos polo mar, por iso o “Navega Patrimonio Industrial” foi un peche ideal para a xornada do venres.

 O Sábado comezabamos as actividades cos mariscadores na Praia “da Peña do Cabrón” xusto debaixo do faro da Guía e participamos con eles nunha actividade coñecida como “rareo” que supón o traslado da ameixa pequena dun punto a outro da praia, onde continuarán co seu proceso de crecemento.

E mentres uns “Vigo Pesqueiros” se adicaban  ao marisqueo no litoral,  outros compis de Vigo Pesqueiro estaban a embarcarse en alta mar, no caladoiro do Gran Sol rico en pescada, pero tamén en gallo e peixe sapo. Como curiosidade o buque que visitamos é o único da flota do porto que conta con bodegas que tanto pode conservar as especies en fresco como conxelalas

Continuamos a programación desta xornada disfrutando cunha nova singladura pola Ría un “Navega Patrimonio Industrial” , en dirección a San Simón; falamos de sardiñas,  de minerais, e moitas historias do “mar de Vigo” , contando nesta ocasión coa colaboración da interpretación da asociación “Xoga” que interpretou os segredos do patrimonio industrial da Ría, chegando así a explicación tanto as persoas xordas como ás oíntes que participabamos na singradura.

“Vigo está tan lonxe que se desourentaron as cartas mariñas” escribiu Manuel Antonio no poema “Lecer” en “De catro a catro” un dos libros máis representativo da vangarda galega e internacional.

O “poeta do mar” foi o protagonista do stand de Fundamar nesta edición, acompañado de J.R e dos productos artesanais do mar de APAMP

No stand de Fundamar arrancaba o noso “Vigo Pesqueiro nas artes” . Nesta ocasión non foron as artes de pesca as protagonistas, senón a poesía de Manuel Antonio,  a literatura de Xullo Verne , as esculturas do mar de Camilo Nogueira ou moitas das obras que acolle a pinacoteca que foi o punto de finalización da xornada.

O primeiro  día comezabamos cun percorre “ do porto actual ao porto de orixe” e para rematar as actividades desta edición quixemos ir máis á orixe coñecendo as incribles historias dos primeiros industriosos da nosa ría “Os romanos”,  visitando o único museo de todo o imperio romano musealizado na súa totalidade “Salinae” .

Non podemos esquecer as visitas ao “Buque de Salvamento Marítimo” coas súas accións tan necesarias no mar.

Así, finalizamos coas nosas actividades “Vigo Pesqueiro” dentro dunha edición máis do “Festival ARVI do Peixe”.

Agradecementos infinitos a todos @s participantes  que o fixeron posible e , por suposto,  a todos os colaboradores que compartiron connosco o seu su saber: Lonxa de mariscos, autoridade portuaria, mariscadores de vigo, viveiro “López Novoa”, armadores do buque de Peixemar Dos, Museo Salinae,equipa de salvamaneto marítimo Asociación Xoga, APAMP. Deica a vindeira edición!!!



Deja un comentario