Avatar
por vigo_pesqueiro

O pasado sábado 22 de xuño achegámonos ao importantísimo patrimonio a flote da man de “Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas”

A nosa visita comezaba baixo “As Ondas do Mar de Vigo” de Martín Códax , que Pedro Sardiña inmortalizou nese fermoso mural , enchendo de lírica medieval  a “Casa do Patín” , casa de tipoloxía mariñeira  que data de 1639, e ata a que antigamente chegaba o mar ; na actualidade  rehabilitada como Biblioteca e Oficiña Municipal do Distrito, ese foi o noso punto de saída cara a visita. Dicímoslle adeus á escultura de Asorey, quen inmoratalizou a  Eduardo Cabello, enxeñeiro director da Xunta de Obras do Porto en 1909, e continuamos pola Rúa dos Alfolíes, que fai referencia aos almacenes de sal, que foron noutrora de vital importancia no comercio da época.

A carón da Igrexa de San Miguel, contamos historias de templarios, e tamén de piratas, e continuamos polo paseo ata a chavola dos Mariñeiros de Bouzas, un verdadeiro museo, onde comezaba a primeira parte da explicación. Que boa nova que a carpintería de ribeira fose recentemente protexida como BIC (ben de interese cultural).

De seguido, fomos cara o pantalán, onde nos amosaron as diferentes embarcacións tradicionais representativas de toda Galicia, das súas diferenctes peculiaridades e da súa evolución: sabías que as actuais traiñeiras de competición teñen a súa orixe nas traiñeiras de pesca?. E que a chegada a Galicia das traiñeiras non foi nada pacífica? Houbo enfrontamentos verbais e físicos entre mariñeiros por iso se lle chama a  ese período como “Guerra da Sardiña”

Algo único é que no pantalán de Bouzas está a  única traiñera de pesca que hai en toda Galicia: a “Vigo Cinco”,  construída no ano 2005 pola Escola Obradoiro “Mar de Vigo” do Concello de Vigo, todo un museo que durante os meses do verán estará dispoñible para todo o público en horario de tarde.

Moitísimas grazas a tódolos participantes e especialmente a Braulio, da “Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas” polo seu tempo e por transmitir con tanta paixón e coñecemento todo o relacionado con barcos, utensilios e saberes do mar.



Deja un comentario