Avatar
por vigo_pesqueiro

Boas novas! Museo do Mar e Salinae, dous espazos colaboradores de Vigo Pesqueiro, onde coñecer a profunda vinculación histórica dos/das galegos/as co mar, reabriron as súas portas esta mesma semana, na que tamén celebramos o “Día Internacional dos Museos”, nesta edición 2020, co tema “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”.

Foi unha “marea” de case dous meses pechados, pero este martes 19 de maio retomaban a actividade, porque #ACulturaSegue

Todo adaptado á nova situación: persoal con mascarillas, sinais que nos indican por onde pasar e cando agardar, baños preparados para a nova situación, turnos de limpeza reforzados, e claro, prohibición de non tocar as pezas. Todo listo para que poidamos empaparnos da cultura do mar de xeito seguro. Iso sí, polo momento visitas guiadas de grupos ou colexios non estarán permitidas. Por que non te podes perder esta visita?.

O Museo do Mar, en Alcabre, ubicado nun entorno privilexiado, conta ademais con Castro, peirao, faro, xardín e tamén un acuario, coas especies máis representativas das nosas rías.

O edificio foi unha vella fábrica de conservas, rehabilitado por César Portela, e inaugurado en 2002. Durante o percorrido polas súas salas descubriremos o Mundo Submariño, as curiosidades dos gabinetes científicos dos s.XVI e XVII, achegarémonos á oceanografía, aos faros, e por su posto, ao desenvolvemento da actividade pesqueira a través da historia pesqueira en tódolos seus ámbitos: a pesca, o marisqueo e a acuicultura, os métodos de conservación, dende a salgadura ata o conxelado. Atoparás unha chea de pezas interesantes, por exemplo o submariño de Sanjurjo Badía de finais do S.XIX, o reloxo e bancada da subasta na Lonxa do Reloxo do porto pesqueiro do Berbés, ou a maqueta dunha batea mexillonera.

Alén da mostra permanente, aproveitade para visitar a temporal, nestes intres: “Inventio Mundi, Galicia nas Viaxes Transoceánicas, séculos XV-XVII

En canto a SALINAE, Centro Arqueolóxico do Areal , con esta visita Descubrirás a historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada, de todo o Imperio Romano. Unha forma de entender que a día de hoxe sexamos capital europea da pesca, coa Lonxa do Berbés, porque as nosas orixes portuarias son moi antigas, e xa na época romana estaban en pleno auxe.  Os romanos tiñan xa rutas comerciais coa nosa prezada sardiña, que exportaban en ánforas por todo o Mediterráneo , e incluso, ata o Báltico.

Por suposto, para su a súa conservación, facía falta sal, e a visita ao Centro Arqueolóxico SALINAE , polo seu excelente estado de conservación, permite entender á perfección o funcionamento dunha  instalación salineira, e como os romanos producían o sal.

Para saber máis:

http://museodomar.xunta.gal/es

http://museodomar.xunta.gal/salinae/



Deja un comentario