por vigo_pesqueiro

Nesta ocasión querémosvos presentar unha das nosas novas actividades: O Mar dos Sentidos!

Unha actividade onde a poboación infantil e xuvenil, pódense achegar e explorar a contorna do mundo do mar dunha forma estimulante a través dos sentidos (olfacto, vista, gusto, tacto e oído), mediante a realización de diferentes actividades sensoriais desenvoltas na contorna natural dunha praia, permitindo ás persoas participantes coñecer e concienciarse da importancia do mar no noso territorio e a necesidade de coidar o medio desde unha perspectiva completamente inclusiva.

Ademais, como sabemos que moitas veces o tempo pódenos xogar unha mala pasada… esta actividade tamén se pode trasladar á aula!

 

Empregando os sentidos da vista e tacto, podemos achegarnos a algunhas profesións do sector pesqueiro, así como ás técnicas de captura dalgunhas especies, co emprego de redes, nasas, ferramentas do marisqueo… . Ademáis, coñecer de preto e aprender a diferenciar algúns dos elementos que nos podemos atopar nas praias, e que moitas veces pásannos desapercibidos, como  as pequenas cunchas de caramuxos ás grandes vieiras, pasando polos curiosos ovos de mantaraia e quenllas.

 

 

Con sentido do olfacto, somos capaces de trasladarnos directamente ao mar onde, recoñecendo algúns dos cheiros tan característicos da praia, enchemos a aula con ese ambiente a mar!

 

 

E que nos lembra máis ao océano que o movemento das ondas nunha embravecida tormenta? para iso os pequenos prepáranse para empregar todo o corpo e tentar recrear eses movementos eles mesmos, desde o mar en calma ata peor borrasca!

 

 

Pero… non vos queremos revelar moito máis, queremos que veñades experimentalo por vós mesmos!
Animádevos e vide gozar connosco desta actividade!