por vigo_pesqueiro

FUNDAMAR celebrará o II Congreso de Turismo Industrial Galicia-Norte de Portugal, co apoio da Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo, o próximo 28 de novembro, no Salón de Actos do Museo  do Mar de Galicia.

Nesta segunda edición daranse cita profesionais de diferentes ámbitos do turismo, a educación e o patrimonio industrial, co obxectivo de promocionar o patrimonio industrial como ferramenta fundamental na revitalización turística e económica do territorio,  favorecendo redes e sinerxías na transmisión de coñecemento transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, no marco do Camiño de Santiago Portugués.

O 28 de novembro, a partir das 11:00 h, nun lugar tan emblemático e característico exemplo de patrimonio industrial, como é o Museo  do Mar de Galicia, desenvolveranse varias contornas de traballo que presentarán diferentes enfoques e iniciativas en torno ao turismo e á revalorización do patrimonio industrial no noso territorio.

A inauguración do acto contará coa presenza institucional da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Dª. Nava Castro; o  vicecónsul de Portugal en Galicia, D. Manuel  Correia; a comisaria do Xacobeo 2021, Dª. Cecilia Pereira; e o presidente de  FUNDAMAR, D. Javier Touza.

O congreso dará comezo cunha conferencia inaugural a cargo do presidente de  INCUNA e  TICCIH, Miguel Ángel Álvarez Areces, e versará sobre experiencias de éxito nacional e  transnacional na xestión do patrimonio industrial.  Posteriormente, o resto de relatores desde distintos ámbitos tanto públicos como privados, abordarán cuestións sobre a xestión, oportunidades e retos do turismo industrial en Galicia e o Norte de Portugal, tratando experiencias de éxito e iniciativas tanto turísticas, como culturais ou de recuperación do patrimonio industrial. 

DESCARGAR PROGRAMA

A asistencia ao evento require inscrición previa, ata completar aforo, e que poderá formalizar a través do seguinte enlace.

ENLACE FORMULARIO DE INSCRIPCIÓN

Tamén pode escribirnos a fundamar@fundamar.org  ou chamarnos ao 986 433 844 /ext. 8