lonxa do reloxo
Avatar
por vigo_pesqueiro

O pasado martes 14 de maio  desde o programa de visitas “Vigo  Pesqueiro” tivemos a honra de ser anfitrións dun dos grupos de traballo que participaba no III Foro Internacional de Planificación Mariña que tivo lugar en Vigo do 12 ao 15 de maio. Foi unha gran oportunidade  o poder compartir parte do noso legado histórico e da nosa tradición mariñeira con estes expertos participantes chegados desde Panamá, Suecia, Seychelles ou España, entre outros países.

A nosa visita comezaba na Porta do sol, admirando “O Sereo”,   un dos monumentos que representa ese carácter híbrido de peixe e home, que estando en terra é incapaz de separarse do mar, coma vigueses e viguesas. O itinerario continuaba dentro do que foi o recinto amurallado de Vigo, pasando polas súas distintas prazas gremiais:

A praza da Princesa,  onde antes do  XIX celebrábase o mercado de peixe máis importante, por iso coñeceuse como Praza da Peixaría.

Continuamos cara á antiga Praza Maior, a Praza da Constitución, cos seus fantásticos  edificos e soportais. Como curiosidade foi nesta praza na que naceu o afamado mariño Méndez Núñez. Entre os obxectivos dos nosos participantes estaba realizar unha serie de breves entrevistas con veciños da zona, así que nos fomos cara unha das rúas con máis encanto de Vigo,  “Cesteiros”,  onde con gran amabilidade recibiunos Antonio Suárez  Davila, mestre desta arte.

Coas súas palabras trasladounos a un tempo pasado, en que na rúa había máis dunha vintena de cesterías, e no que os  cesteiros non daban abasto debido a que non existía o plástico, e as cestas eran usadas nos labores do campo e da pesca. Abriunos o seu taller, un verdadeiro museo, que se atopa no baixo da mesma casa na que naceu.  Mostrounos pezas únicas,  xa en desuso, como nasas tradicionais, enormes  patelas ou  canastos. Contounos que o oficio de  cesteiro era de herdanza xeracional  na súa familia, pois xa o seu bisavó, o seu avó e o seu pai traballaban no mesmo, e que a súa relación co mar foi a de realizar estas ferramentas para transportar a pesca. En canto á substitución xeracional, por desgraza, non é posible a continuación, aínda que o seu fillo sabe realizar as pezas, non pode dedicarse a isto por non ser sustentable economicamente na actualidade.

Dende o grupo de traballo do Forum  de ordenación espacial no ámbito mariño,  como última cuestión pedíronlle a Antonio se quería achegar algún comentario para as súas mesas redondas, ao que Antonio non dubidou,  e respondeu : “que prohiban o plástico”.

Continuamos cara á Praza da Pedra, a nosa seguinte parada sería na rúa Peixaría, que de maneira popular coñécese como rúa das ostras,  por ter neste lugar este mercado ao aire libre desde hai case un século. Aínda que este oficio estivo de maneira tradicional realizado por mulleres, agora tamén atopamos mozos  ostreiros, como o que realizou a entrevista para o fórum.

A seguinte parada sería no Mercado, na rúa Teóficlo Llorente. Alí falamos coas  pescantinas, ás que damos as grazas por recibirnos.

Tamén nesta entrevista comprobamos que se trataba dunha profesión herdada, nalgúns casos desde as bisavoas, e como mentres elas dedicábanse á venda do peixe, os homes estaban embarcados. Deixando a seca ribeira do Berbés coas súas casas mariñeiras pendentes de recuperación, por suposto, non podiamos deixar de visitar tamén as instalación do actual porto de Berbés.

A continuación, o noso circuíto de tradicións mariñeiras continuaba cara á súa última parada:

O Museo do Mar,  un broche de ouro perfeto para comprender a enorme vinculación histórica dos galegos e galegas co mar .



Comments 1

  1. Avatar

    , no me avisasteis, igual tengo que verlo yo, la próxima estoy pendiente

Deja un comentario