Avatar
por vigo_pesqueiro

Unha das nosas paradas habituais nos PERCORRE é  “ Gonzalo de Vigo”, ¿sabedes quen foi?

Foi un mariño galego do século XVI, bautizado coma o “Robinson Galego” , que participou na expedición de Magallanes de 1519 da que desertou, vivindo durante catro anos cos indíxenas das illas Marianas.

Ata o 2013 non escoitaramos falar del, cando  o profesor e investigador de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, Óscar Ferreiro, rescátao para sempre do esquecemento,  durante as investigacións da súa tese sobre os “mediadores lingüísticos e intérpretes nas Reais Audiencias, os tribunais que existían na Península e nas Américas”.

 E , que ten que ver Gonzalo de Vigo coa facultade de Tradución? pero  este home, non era navegante?

Pola información dos escritos de  Andrés de Urdaneta e da “Historia general y natural de las Indias” de Gonzalo Fernández de Oviedo y Valdés, que relata os acontecementos da expansión ultramarina castelá, entre os anos de 1492 e 1549,  sábese que foi un “Girubassa” palabra malaia (na actualidade jurubahasa) que significa “intérprete”; Ven sendo un término composto de juru, que significa experto, e bahasa, é dicir, lingua.

Gonzalo, fillo de Rodrigo Álvarez e Isabel Martínez, nacería en Vigo nunha data incerta de finais do século XV e  inicios do XVI. En setembro do 1519 partía de Sanlúcar de Barrameda, nunha das cinco naves da expedición de Fernando de Magallanes, que sería a primeira en dar a volta o mundo.

Gonzalo era membro da tripulación da Nao Trinidade, que xunto a Victoria serían as únicas naos que chegaron ás Illas Molucas, as illas das Especias, en Indonesia, en novembro de 1521. Un mes despois, A Nao Trinidade sufriría un accidente , polo que se decide regresar a América, a través do Océano Índico, aproveitando os ventos da estación.

Era unha viaxe penosa, case un suicidio: descoñecemento das correntes mariñas, fortes tempestades, escorbuto e máis enfermidades, todo iso, sumado á fame, causou numerosas mortes a bordo. Era agosto de 1522 cando a Nao arribou as Illas Marianas, coñecidas coma as Illas dos Ladróns, así que Gonzalo, xunto con dous compañeiros portugueses, decidiu desertar.

Sabemos que sobreviviu e que se integrou xunto aos locais, que aprendeu os seus costumes e as linguas de varias illas, coma o malaio, pois na expedición de García Jofre de Loasía atoparon ao Mariño na Illa de Guam catro anos máis tarde

Urdaneta describiu así o encontro:

“…hallamos un gallego que se llama Gonzalo de Vigo, que quedó en estas islas con otros dos compañeros de la nao de Espinosa, e los otros dos muriendo, quedó él vivo, el cual vino luego a la nao e nos aprovechó mucho porque sabía la lengua de las islas…”.

Gonzalo Fernández de Oviedo, pola súa parte, relata así o  encontro:

Nunha illa chamada Botahá viulle un cristián nunha canoa que falándolles en castelán   díxolles: ‘En buena hora vengais, señor capitán, maestro y la compañía’. Y los de la nao con mucho placer le respondieron que fuesse bien venido, y preguntáronle que con quién avía ydo á aquellas partes, y respondió assi:

‘Señores, yo soy uno de los del armada del capitán Magallanes, y saíme de la nao del capitán Gonçalo Gómez de Espinosa, quando tornó á arribar al Maluco. No pudiendo yr á la Nueva España, y porque en essa saçon se morían de çierta dolencia en la nao, salimos yo y otros dos compañeros portugueses por miedo de morir, en la isla mas çercana del Norte, y allí mataron los indios á los otros dos compañeros mios por çiertas sinraçones que ellos acometieron, y después me passé de allí con unos indos á esta isla de Botahá; y soy gallego y me llamo Gonçalo de Vigo, y sé muy bien la lengua de las islas’.

O papel de Gonzalo de Vigo foi clave para que españois e portugueses puidesen conquistar aquelas terras . Da súa vida persoal non hai moitos datos, pero a súa labor como intérprete está documentada en diversas crónicas da época, onde se eloxia o seu papel coma mediador.

Gonzalo de Vigo, despois de ser rescatado polo profesor  Óscar Ferreira, foi inmortalizado en bronce polo escultor vigués José Molares, por un encargo da Autoridade Portuaria no 2017, nas inmediacións do porto pesqueiro do Berbés, en Portocultura. Ao seu carón, outros Navegantes senlleiros: os monolitos de Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, inaugurados no 2019  para conmemorar o 500 anos da circunnavegación da nao Victoria, que foi a única que conseguiu voltar.

Para saber máis sobre as aventuras de Gonzalo de Vigo:

  • Autoridad Portuaria  Vigo (Archivo del Puerto. Efemérides 52)
  • Faro de Vigo :“Gonzalo de Vigo, Robinson Gallego”
  • El español :“Gonzalo de Vigo, el náufrago gallego que conquistó el Pacífico”


Deja un comentario