O pasado sábado, 4 de febreiro gozamos dunha nova edición da nosa ruta “PERCORRE”. Desde o punto de partida habitual neste tipo de ruta: a Oficina de Turismo de Vigo, percorremos diversos escenarios relacionados coa historia pesqueira da nosa cidade, para finalizar cunha visita á Cetaria López Novoa.
O día, climatológicamente falando, resultou monstruoso, xa que aínda estabamos baixo o influxo dun tren de tormentas; pero isto non supuxo ningún tipo de problema para o grupo de mulleres, homes e nenos que nos acompañou. 30 valentes que completaron as prazas dispoñibles sen importarlles vento nin choiva.
Protexidos con paraugas, fomos camiñando polos diversos fitos do Vigo Pesqueiro, mentres María, nosa guía, informábanos e entretiña con diversas curiosidades e anécdotas.
Os soportais do Berbés resultaron un acubillo moi agradecido para repasar os primeiros tempos do desenvolvemento pesqueiro e os cambios que sufriu a fisonomía da a cidade de Vigo con ese impulso.
Finalmente chegamos á Cetaria López Novoa, unha empresa con 35 anos de experiencia que comercializa marisco internacionalmente. Juan acolleunos encantado e comezou cunhas explicacións sobre a organización interna da empresa.
O aceno de identidade de López Novoa é a “selección”: elixir os mellores produtos para suministralos aos seus clientes. Ese criterio fixa a estrutura interna da empresa.
Un apartado curioso das súas instalacións é a cámara de frío: un recinto que alcanza temperaturas de moitos graos baixo cero e que é decisiva para non romper a cadea de frío e que os mariscos cheguen en perfectas condicións. A temperatura non nos permite permanecer moito tempo no seu interior. Para evitar situacións de perigo, conta cun sistema de alarma, pero tamén cunha expeditiva machada que podería facilitar a saída a través dunha das paredes, se fose necesario.
Tras mostrar as instalacións, Juan falounos dos diversos tipos de marisco. Ensinounos a diferenciar as distinas especies, o seu xénero e a súa procedencia. Cada exemplar ten as súas peculiaridades e debe estar a unha temperatura concreta.
Nenos e maiores gozaron dunha excelente xornada, instructiva e entretida, como pretenden ser todas as nosas rutas; e demostraron moito valor para ignorar as condicións climatolóxicas. Como di a canción tradicional: “Non hai quen poida, non hai quen poida, coa xente mariñeira. Mariñeira, pescadora, non hai quen poida por agora”.