Avatar
por vigo_pesqueiro

Isto convertía á nosa cidade en punto neurálxico e estratéxico das comunicacións mundiais de boa parte do século XX.

Foi o 17 de maio 1873 cando a maior empresa de telégrafo submariño do mundo: a “Eastern Telegraph”, fundada por John Pender,  inauguraba a comunicación telegráfico-submarina entre Porthcurno, na rexión de Cornualles, entre Inglaterra e Vigo, dentro dun proxecto para reforzar a liña Reino Unido-Lisboa-Gibraltar. A elección do porto de Vigo, foi  a mesma pola que romanos ou cataláns se asentaron nas nosas ribeiras, por ser un porto natural totalmente protexido polas nosas Illas, e con calado dabondo, perfeto para os buques cableiros.

O buque que inaugurou ese tendido do cable submariño foi O Buque Minia. Os cables da Eastern foron amarrados nunha caliña (onde tres anos máis tarde se inauguraba a casa de Baños “la Iniciadora”) e dende alí, pasaban a Rúa Real, nº 20, que é onde se atopaban as oficiñas da compañía.

Posteriormente, trasladaríanse á Rúa do Príncipe, por un breve período, para asentarse máis tarde na Casa Bárcena, hoxe sede de Afundación, un exemplo da mellor cantería galega en granito que podemos atopar na cidade. Como curiosidade, a partir do ano 1896, a “Deutse See Telegraphegesellcraft”, O Cable Alemán, inaugura as súas oficiñas neste mesmo edificio; Imaxinade que situación durante o período da Gran Guerra…Pola presenza alemá na nosa cidade, Vigo aparecería no texto do Tratado de Versalles!.

Voltando ao Cable Inglés, hai que dicir que a nova sociedade británica aquí asentada trouxo costumes ben excéntricos naquela altura, e que deixarían unha pegada moi importante na sociedade viguesa. Por exemplo, cando por España adiante nen se escoitara falar do Fútbol, aquí os oficias da Eastern Telegraph xa disputaban partidos contra os locais dende 1895.

Pero non solo practicaron fútbol, impulsaron tamén outros deportes, que en España, e moito menos na Galicia do século XIX, non estaban para nada desenvolvidos; Así, no seu clube social , que estaba nos baixos do Hotel Moderno, os empregados da compañía contaban con salas de recreo con billares e mesas de ping-pogn.  Ademais xogaban ao tenis, practicaban remo pola ría, atletismo, hockey, ou incluso, rugby. Outras das costumes que trouxeron foi a de beber cervexa, algo súper snob na época.

A última sede do Cable Inglés, ubicada no edificio de Correos e Telégrafos , funcionou en Vigo ata o 31 de decembro do 1969. Aquí estaba o famoso reloxo do Cable Inglés, que marcaba a hora en toda a cidade, sincronizado ao segundo co meridiano de Greenwich.

Posteriormente, Vigo chegaría a ser unha das tres bases europeas atlánticas de cables submariños, unha actividade que estivo en marcha dende o o ano 1970 ata o 2002. O almacén estaba no entorno do porto pesqueiro, no peirao de Trasatlánticos, onde foron inaugurados os Xardíns do Cable;  de feito, esas formas ondulantes que teñen os xardíns son os antigos Silos que se conservan . Un deles, é un punto de información moi completo sobre a historia das comunicacións na nosa cidade, de cando todas as noticias do mundo pasaban “Vía Vigo”.



Deja un comentario