Avatar
por vigo_pesqueiro

O pasado venres estivemos cun grupo que participaba no “ XXVII Congreso Nacional de Empresas de Formación celebrado en Vigo, con participantes chegad@ s de todos os puntos de España. Entre varias propostas elixiron a actividade “ Percorre Casco Vello, orixes do Porto” para coñecer as orixes do porto pesqueiro do Berbés, que converte a Vigo en capital europea da pesca. 

O “ percorre” tiña o seu punto de inicio na sede de “A Fundación”, impoñente edificio de Jenaro de la Fuente, que conta con máis de 13.000 metros cadrados da mellor cantería galega, e que reflicte o momento de expansión no que se atopaba a cidade a finais do século  XIX, cunha potente industria conserveira en auxe.

Continuamos o noso percorrido cara á Praza de Compostela, que se chamou tamén “Barrio dos cataláns”, pois alí asentaron as súas fábricas de salgadura e as súas casas os primeiros cataláns chegados a Vigo, xa desde finais do século  XVIII.

Atopamos no medio da Praza a Méndez Núñez, Mariño Ilustre nacido en Vigo, e fómonos cara ao paseo Marítimo para que outro personaxe destacado, Julio Verne, nos contase a Batalla de Rande e outras das historias máis intensas da nosa ría.

A visita levaríanos despois cara á ribeira do Berbés, porto que xa existía na Idade Media,  que conserva  soportais de típicas casas mariñeiras que xa non baña o mar, pero que son a orixe do porto de Vigo, líder en pesca fresca  para consumo humano.

A continuación, seguimos pola rúa Real; deixamos historias de invasións francesas na “Praza Almeida”,  e pola rúa  Cesteiros, que conserva o seu encanto gremial e a actividade que lle dá nome, chegamos á Praza da Princesa, que foi un dos mercados de peixe máis importantes. Chegamos a unha das portas que tivo o recinto amurallado da cidade, a Porta do Sol, onde se atopa unha das iconas da cidade, e que representa ese carácter híbrido de peixe e home, de mar e terra, que nos caracteriza a  tod@ s  @s vigues@s.

Alí , finalizaba este paseo no que nos achegamos á historia do porto de Vigo, que non se pode separar da historia da cidade.

Grazas por elixir “Vigo  Pesqueiro” para a vosa visita. Boa viaxe a todas!



Deja un comentario