Avatar
por vigo_pesqueiro

Unha xornada fantástica investigando os recursos do mar en Toralla

Comezamos unha nova xornada na Vila Romana de Toralla cuxos primeiros vestixios foran achados polos seus propietarios, a familia Mirambell , alá polos anos 20.

A “Villae” é unha enorme casa xunto ao mar, que contaba coas súas propias salinas de onde se extraía o sal co cal salgaban o peixe. Os seus habitantes gozaban dun alto nivel de vida;  sabemos que se trataba dunha casa rica polo seu abraiante complexo termal con piscinas de auga quente e auga fría. Tamén se poden visitar outras estancias da casa como comedor, os dormitorios, ou a cociña. Os cuartos máis importantes estaban decorados con preciosos mosaicos.

Despois da salazón romana, na finca Mirambell asentouse a “Cordelería Ibérica” no ano 1884 con promotores cataláns, contando co maquinaria de vapor máis avanzada importada de Gran Bretaña. No areal de Canido que ata o século XIX foi un illado núcleo rural e mariñeiro se asentaron industrias salazoneras que despois darían paso ás conserveiras, e despois á hostelaría. Familias cataláns protagonistas da historia industrial da ría como os Curbera , os Riera ou os Cerqueira, entre outros.

Continuamos o “percorre”. Da “Villae” dirixímonos a Illa, non sen deixar de admirar a recuperación dunar do areal  do Vao, que foi gañando en altura e en vexetación nos últimos anos.

Chegamos a illa, destacamos a súa densa historia: conta con restos arqueolóxicos como castro e necrópole romana; foi propiedade do Obispado de Tui,   e coa desamortización chegou a mans do Marqués de Valadares para ser posteriormente comprada por Martín Echegaray, un indiano que se enriqueceu en Arxentina cun negocio de navegación e comercio transoceánico, e que creou con outros socios a compañía de tranvías eléctricos de Vigo, ese transporte tan eficiente e non contaminante.

Volvendo á historia da Illa de Toralla, os herdeiros de Martín Echegaray venderíana ao matrimonio Kowalski que xunto aos Irmáns Vázquez constrúen a ponte e a urbanizan e a privatizan, cuestión ben polémica ata a actualidade.

Nós tiñamos o paso á illa autorizado, posto que íamos visitar a “ECIMAT”, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, pois despois de tanto falar do pasado quixemos coñecer o presente desta illa.

Da man de Rosa Farto, técnica de investigación responsable deste recoñecido “Centro Singular de Investigación Mariña” convertémonos en investigadores por un día.

Percorrimos os diferentes módulos de investigación situados en espazos  independentes.

A Estación conta con numerosos equipos de investigación e con tres tipos de espazos distintos: zonas cedidas a grupos de investigación da Universidade de Vigo, zonas comúns a todos os usuarios e zonas de servizo accesibles só ao persoal da estación.

Entramos nos laboratorios e puidemos ver os experimentos que estaban a facer con diversas variedades de algas, noutros laboratorios investigación con diferentes especies de peixes e mariscos.

Achegámonos ao  “funcionamento dos ecosistemas”, faláronnos sobre as súas accións de investigación de calidade ambiental mariña e contaminación mariña,e sobre outras das liñas de investigación como a observación oceánica ou a xestión integral da zona costeira.

A visita levounos ata o pantalán onde está  o observatorio oceanográfico, unha estación meteorolóxica coa que se poden coñecer en tempo real datos como a temperatura do aire, da auga ou a velocidade do vento. Polo que alén de ser útil para @s cidadáns , a ferramenta é tamén un bo apoio para os pescadores, mariscadores e  demáis profesionais  do mar.

A ECIMAT-Universidade de Vigo presta servizos de apoio para a realización de actividades de investigación de temática mariña non solo para a Universidade de Vigo , senón tamén para outras institucións públicas ou privadas.

Desde Vigo Pesqueiro queremos agradecer a tódol@s participantes que se sumaron á visita e por suposto, ao equipo humano da ECIMAT pola súa inestimable colaboración e por permitirnos achegarnos a un recurso máis do amplo patrimonio mariño e pesqueiro da nosa cidade

Para saber máis sobre as nosas actividades podedes escribir a info@vigopesqueiro.com ou  chamar ao teléfono 610312685



Deja un comentario