Empezamos o ano Vigo Pesqueiro cunha visita chegada desde o Mediterráneo, desde Italia. Tratábase dunha sorpresa de aniversario e encheunos de ledicia que nos elixisen para celebralo. Tratábase da súa primeira visita a Vigo e prometéronnos que non sería a últimaJ
Foi o sábado 12 de xaneiro, un día moito frío pero cunha luz fantástica, onde a choiva nos deu tregua.
Comezamos a nosa visita achegándonos á frota do porto, falando sobre caladoiros, especies e técnicas de pesca, deixamos atrás o espazo das redeiras, os almacéns, o edificio da cooperativa, e adentrámonos nos edificios das lonxas.
Os nosos visitantes sorprendéronse polas dimensións e o ben planificado que se atopa o espazo. Chamoulles a atención que a cidade de Vigo acolla unha segunda cidade dentro súa, o Porto de Vigo, coas súas rúas, as súas glorietas e os seus centos de empresas con tan variada actividade, de renome en toda Europa.
Fixemos un parón na nosa visita para coñecer por dentro unha destas empresas, o noso colaborador “López Novoa” a quen lle damos a grazas posto que sen empresas altruístas como a súa, este proxecto non sería posible . Trátase dun viveiro que se atopa na vangarda da tecnoloxía, sen esquecer xamais o bo saber facer da tradición. Alí as piscinas estaban cheas de especies que a nosa “carinissima” parella de visitantes descoñecían: namoráronse dos bogavantes coa súa metalizada cola azul, das centolas e dos bois de mar. Coñecimos como se almacena a mercadoría en cámaras de frío ou conxelado, como se procesa, ou como se prepara para un envío.
Unha vez finalizada a visita no viveiro, dirixímonos ao porto orixinal de Vigo cos seus soportais e casas mariñeiras aínda en pé, continuamos polas rúas do “Casco Vello” pasando polo renovado Mercado e as súas frescas peixarías, pasando por rúa Peixaría cos seus postos de ostras e deixando a Praza da Pedra, que desde o S. XIX albergou un afamado mercado, subindo por unha rúa onde a artesanía tradicional segue viva, a de Cesteiros. E coma se levásemos a “ Patela” chea de peixe para vender, terminamos a nosa visita na antiga Praza Peixaría que a día de hoxe ven sendo a da Princesa.
A visita terminara para nós, pero a sorpresa de aniversario aínda non; para eles terminaría na mesa, coa mellor mariscada que esperamos que Disfrutasen! Desde Vigo Pesqueiro sodes sempre benvid@s.