A pasada semana realizamos a actividade máis demandada do Vigo Pesqueiro: “Descobre a lonxa do peixe” , unha actividade da que saímos cheirando á frescura, e impresionad@s pola variedade e cantidade de especies que despois de seren subastadas no Porto do Berbés, saen de Vigo para encher as mesas de milleiros de fogares.
Sabías que o noso porto é un dos primeiros portos pesqueiros para consumo humano a nivel mundial? Chegánse a descargar máis de 800.000 toneladas de peixe anuais!!!
O noso convidado nesta ocasión foi un recoñecido Chef a nivel internacional, autor do libro: “No Crying in the Kitchen. A Memoir of a Teaching Chef”
Na súa visita a Vigo era obrigada a visita a Lonxa. Como moitos dos nosos visitantes sorprendouse coa variedade dos caladoiros nos que se sae a faenar dende o porto pesqueiro do Berbés, que tamén leva o nome de Gran Sol, no Atlántico máis feroz; pero tamén no Pacífico, no Indico, en definitiva …”por tódolos mares do mundo”.
Abrimos apetito coa pesca de ría e seguimos o menú, coa de altura e gran altura. Os cantares dos lonxeiros cos prezos á baixa que descendían rápidamente, non eran alleos ao noso Chef, despois de percorrer lonxas e mercados por máis de medio mundo. Pero en Vigo era a súa primeira vez. Esperemos non a última.
Máis de 100.000 kilos de pescado freco nesa madrugada: atopamos xureliños, bogas, xoubas, rinchas, peixe-sapo, pescada,…e tamén ao San Martiño, que noutras zonas da Península coñécese como San Pedro, e que conta cunha fermosa lenda asociada que responsabiliza ao apóstolo dos lunares que este peixe loce a cada lado do seu corpo.
@s carrexóns bulían coa inimaxinable carga de peixe, un non parar, ese frenesí e dinamismo tan característico do gremio do mar, e que dalgún xeito impregnou o carácter de tod@s os vigueses.
Ao noso convidado deulle a morriña da súa Bretaña natal, terra mariñeira e atlántica…e celta, como a nosa. Quedou ben contento coa visita, e nós tamén, con todas as achegas deste Chef de fama internacional que quería vir coñecer “O primeiro porto do Mundo”.
Se queres recibir as nosas novas non dubides en suscribirte ao noso boletín en www.vigopesqueiro.com
Deica pronto!