por vigo_pesqueiro

A visita deste grupo de moz@s dun colexio de Vigo comezaba nas instalacións do Porto Pesqueiro de Vigo.  A carón da frota de baixura,  falabamos dos aparellos que se empregan e  presentabamos as artes de pesca principais. Fomos afortunad@s por contar coa presencia da xerenta de “Fundamar”,  e do biólogo da “Cofradía de Pescadores de Vigo”, e empaparmos dos seus coñecementos profesionais no sector do mar.

De camiño ás lonxas atopámonos con  “Maléfica” e a “Joana”, as dúas aguias de Harris coas que os cetreiros teñen a importante misión de espantar a canta gaivota incomoda as operacións no porto pesqueiro do Berbés.

Despois de visitar a inmensidade das lonxas, e atoparmos con algún dos denominados grandes peixes,  continuamos a nosa visita dirixíndonos agora cara a frota de altura e gran altura, e fomos visitar un buque arrastreiro que vai pescar  nese caladoiro do Atlántico Norte onde xa  faenaban o nosos valerosos bisavós, o caladoiro do  “O Gran Sol”.

«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía no libro do escritor  Xurxo Souto “Contos dos Mar de Irlanda”;

Nós tivemos a sorte de que nos contasen algún deses segredos do mar,  da man da armadora e do patrón do “LOIRA” , a quen agradecemos enormemente por compartir connosco o seu tempo e trasladarnos ata ao oeste das Illas Británicas,  amosándonos cada un dos recunchos do barco,  dende a cuberta ao corazón, que neste caso é o motor do barco.

…Impresionante visita a un buque arrastreiro cuxas mareas duran sobre 12 días, nun mar famoso polos seus feroces temporais!!

Se tamén queres que che conten algunhas “cousas do mar” convidámosche a facer a suscrición no  boletín de novas “Vigo Pesqueiro” no enderezo:  https://vigopesqueiro.com/



Deja un comentario