por vigo_pesqueiro

O pasado mes de febreiro realizabamos unha visita moi completa na que puidemos coñecer a magnitude do sector da pesca e da construción naval na ría de Vigo.

O noso “PERCORRE” comezaba nas instalacións do porto de Vigo, para a continuación, visitar en Beiramar o Buque de Pesca “Cantábrico III”, e finalizar coa visita ao estaleiro “Armón” .

Tratábase dunha visita proposta por “Aldeas Infantiles”, ONG adicada á protección da infancia, ao crecemento persoal e familiar, pero tamén á integración social e laboral da mocidade; Así que, quizais despois desta visita a algún destes mozos/as apetézalle nun futuro formar parte do sector pesqueiro, que xera milleiros de empregos na nosa comarca.

Dende logo, Domingo, o armador do buque de pesca “Cantábrico III”, animáballes dicindo que se trata dun traballo como calquera outro, e que dende que el comezara ata a atualidade, fóronse incorporando moitas melloras, destacando principalmente entre estas, a comunicación coa familia a bordo, posible grazas as novas tecnoloxías; Confesounos o seu amor por esta profesión, e que “se volvese nacer, voltaría para o mar” .

O Cantábrico III é un buque de pesca que faena nun dos caladoiros de pesca máis famosos para os galegos, “O Gran Sol”, onde eran coñecidos como a flota dos 300, e onde as especies capturadas principais son pescada, rapante e peixe sapo.

Trátase do caladoiro que aporta maior cantidade de pesca fresca ao noso mercado, alén de ser famoso tamén polos seus fortes temporais.

O noso “percorre” continuaba pola avenida de Beiramar, pasando do fresco, á conserva, para desembocar na construción naval, co “Descobre Estaleiro Armón”, un dos estaleiros principais en Europa e onde se fabrican barcos da máis alta tecnoloxía e innovación.

Alí recibiunos Santiago, xerente da empresa, e que foi o noso guía nas instalacións, e nun dos buques en construción.

O noso anfitrión contounos a gran cantidade de especialistas das máis variadas ramas profesionais que poden traballar nun estaleiro.

Moitas grazas á ONG “Aldeas Infantiles” por ter confiado en Vigo Pesqueiro para realizar esta visita á nosa primeira industria, e por suposto, aos nosos anfitrións no “Buque Cantábrico III” e no estaleiro Armón” por ter compartido o seu saber facer e o seu tan preciado tempo connosco

E ti, ¿ainda non coñeces as actividades de “Vigo Pesqueiro”? Se queres recibir ás nosas novas, non dubides en suscribirte ao noso boletín www.vigopesqueiro.com

Deica pronto!