Un dos aspectos máis atractivos do turismo industrial é o que está relacionado co que se denomina arqueoloxía industrial.
Esta curiosa denominación non nos fala de escavacións para desenterrar vellas fábricas, pero si que nos pon en contacto cos primeiros tempos da industria. Trátase de recuperar restos da cultura industrial que teñan un valor histórico, social ou arquitectónico; de estudar a maquinaria, os métodos e os comportamentos sociais e laborais de tempos pasados.
As cidades industrializadas, como é o caso de Vigo, conservan nas súas entrañas restos das que foron as súas empresas pioneiras. Eses edificios, en moitos casos abandonados, esperan unha segunda oportunidade. Ansían que, aínda que non poidan volver desempeñar a tarefa para a que foron concibidos, teñan polo menos a ocasión de recuperarse cunha nova actividade. Isto lles desnaturaliza, pero debemos valorar o que lles asegure a súa conservación. A vella Europa está repleta de grandes “reinvencións”: mercados convertidos en centros de lecer ou de concertos, fábricas transformadas en centros culturais ou mesmo en vivendas…
O sábado 11 de febreiro propoñemos unha nova edición do noso PERCORRE. Nesta ocasión pasearemos por un dos barrios con máis sabor de Galicia: rúa a rúa percorreremos Bouzas para descubrir todos os grandes fitos do seu pasado industrial, xeralmente ligado ao mundo da pesca.
Imos atoparnos con notables edificios; imos coñecer as súas historias; a historia dos seus promotores, auténticos precursores; os seus bos tempos e os seus malos; o crecemento e o decrecemento, cando non a quebra. Todo isto é historia, a historia da nosa cidade; por tanto, algo que hai coñecer.
A Artística ou Alfageme son soberbias estruturas nas que se respira o ambiente de principios do século pasado. Ao contemplalas imaxinaremos as riadas de empregados saíndo do traballo, eran empresas que variaban a fisionomía dunha cidade. O mesmo sucedía cos estaleiros, nos que agora atoparemos unha combinación de moderna tecnoloxía en escenarios tradicionais.
Tamén nos achegaremos aos pequenos canellóns de Bouzas, ás súas prazas, á ría, porque o barrio de Bouzas representa no seu conxunto unha paisaxe industrial que nos vai a proporcionar unha xornada extraordinaria o vindeiro sábado, a partir das 11:15.
Máis información: info@vigopesqueiro.com e T. 610 312 685
https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/item/4683-la-hojalata-hizo-que-vigo-se-echara-a-la-calle
https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/item/3363-de-zamora-a-vigo-con-escala-en-candas