por Vigo Pesqueiro

“Pues bien, señor Aronnax, estamos en la bahía de Vigo y sólo de usted depende que pueda conocer sus secretos”.

Así se refería o Capitán Nemo aos tesouros ocultos da Ría de Vigo en “Veinte mil leguas de viaje submarino” de Julio Verne; e así comezaba a nosa viaxe o pasado sábado, 21 de outubro.

Vinte persoas concentrabámonos no Real Club Náutico de Vigo, coa curiosidade e a incerteza de non saber qué nos atopariamos nas profundidades de nosa Ría grazas ao Nautilus, un barco de interpretación subacuática equipado coa última tecnoloxía, e con “Nemo”, un robot submarino que nos ensinou unha batea e algúns dos restos dos navíos naufragados nas nosas augas (canóns do Herminie, barrís de cal, etc.)

IMG_4594_2

“Nemo”

Non descubrimos tesouros non atopados, pero vivimos un documental en directo, ao mesmo tempo que lembrábamos a Batalla de Rande de 1702, o noso patrimonio histórico, e as nosas raíces establecidas ao redor do sector pesqueiro.

Aínda que o mar de fondo na zona dos naufraxios non nos permitiu mergullar a “Nemo” para visualizar en directo os restos ocultos na nosa Ría, a sonda multihaz foi capaz de cartografiar o fondo en 3D a tempo real  e localizar os nosos obxectivos.

Na hora e media que durou a nosa viaxe, deunos tempo a coñecer a produtividade das nosas augas, achegarnos e coñecer unha batea, os seus mexillóns e todos os seus habitantes (anemonas e outros organismos); ver os restos,  contemplar as antigas edificacións de industrias como Massó, e impregnarnos do salitre do mar.

Desde FUNDAMAR, agradecemos a boa disposición de tod@s @s participantes, o seu bo humor e as súas achegas e colaboración co programa de actividades de Vigo Pesqueiro.



Related Post

Deja un comentario